sábado, 20 de agosto de 2011

ARTIGO DO COMPAÑEIRO FERNANDO

Democracia tutelada

OPINIÓN de Fernando Alonso Lorenzo, membro de Converxencia-Ourense. O paso da ditadura á actual democracia denominouse como  Transición. Este termino é un eufemismo que, ben pensado, reflexa con bastante exactitude o proceso democratizador sufrido polo Estado español.


Había bastantes partidarios dunha ruptura co réxime anterior posto que ese debería ser o camiño correcto que permitise arrinconar todo atisbo de franquismo tanto ideolóxico, como político, como administrativo e construír de raíz un novo sistema democrático sen hipotecas do pasado.

Pero, a diferenza doutros procesos democráticos externos, o paso da ditadura á democracia non foi administrado polos grupos democráticos senón que foi tutelado polos propios actores da ditadura que accederon á instauración dunha democracia empurrados polas circunstancias e coa garantía de que eles mesmos establecerían os limites da nova democracia, manter uns supervisores de verificación do cumprimento das garantías e de que non se esixirían responsabilidades con carácter retroactivo.

O primeiro paso foi a promulgación da Lei de Amnistía Xeral que, baixo a falacia de que eximia de responsabilidades aos dous bandos da guerra do 36, na realidade beneficiaba a todo o aparato franquista xa que dun plumazo quedaban absoltos de tódolos abusos cometidos, polo golpe de estado, durante a guerra, e nos 36 anos posteriores de ditadura. Por outro lado impedía calquera tipo de depuración do entramado político-administrativo permitindo seguir en activo a todo o núcleo duro da ditadura que non estaba suxeito a procesos electorais pero que tiña un gran peso no aparato administrativo e institucional. Funcionarios, xuíces, fiscais, exército, etc, que colaboraran activamente co a ditadura pasaron a ser administradores da democracia.

O segundo paso foi elaborar unha constitución democrática á medida das garantías esixidas. Como xefe de estado, o mesmo nomeado por Franco, cando o racional tería sido voltar á república, o sistema legal derrubado polo golpe do ditador. Bandeira e himno, os instaurados polo ditador con leves retoques na bandeira para maquillala. Como garantes últimos dos límites dos procesos democráticos o exército a través do título VIII e unha Igrexa Católica cun protagonismo constitucional impensable en calquera democracia occidental, mais propio de democracias islámicas. Tampouco foi admitida a recuperación dos avances autonómicos da república por que así mesmo rebasaba ou abría portas a  poder traspasar os límites que os titores do proceso de transición tiñan previamente establecidos para a conformación política e competencial do estado e territorios periféricos a Madrid.

Así pois tentábase un estado centralizado cunha descentralización máis administrativa que política, con autonomías que se aproximasen a meras delegacións do goberno central, carentes de relevancia política.

Polo que na práctica constituíse unha democracia parlamentaria tutelada, en definitiva un neofranquismo democrático.

Tan así foi que cando as forzas fácticas comezaron a temer que o proceso se lle escapaba das mans organizaron o golpe do 23-F que tiña como obxectivo primeiro constituír un goberno de concentración presidido por un militar para reconducir o proceso. Din as crónicas do momento, e as posteriores, que o golpe fracasou pero non é estritamente certo porque simplemente deron marcha atrás cando viron que a imaxe xerada non era precisamente a de salvación nacional, como pretendían vendelo produto novamente, e intúese que houbo certas garantías de reconducir o proceso por parte de colectivos con peso no ámbito político que animaron a non continuar co levantamento militar, con trama civil.

De feito, a política que se realiza a continuación é bastante conservadora nos aspectos que son tabú para os reaccionarios. Iníciase unha estratexia de paralización da descentralización para o cal as dúas forzas maioritarias forzan ao máximo o bipartidismo parlamentario, o reparto bipartidista das autonomías, para eliminar partidos bisagra e mais tratar de anular aos partidos nacionalistas.

As demais institucións dominadas polos neofranquistas, seguen mantendo intactas as redes de control co que, en principio, poden volver a envaiñar os sables.

Daqueles polvos veñen estes lodos. Cada vez que se tenta tocar un asunto tabú entran en erupción as forzas reaccionarias apoiadas polos medios cavernarios para frear o proceso. Os atrancos e ruído mediático contra a Lei de Memoria Histórica, retirada de crucifixos de escolas, Estatut de Catalunya, son botóns de mostra de que o neofranquismo segue tendo excesiva presenza e peso contra determinadas decisións políticas.

O Estatut é unha vítima máis da transición que permitiu a tutela da democracia. Por imperativo constitucional, o Tribunal Constitucional ten a última palabra sobre calquera lei que aprobe calquera órgano político. Decide sobre unha lei aprobada se esta é constitucional e, en consecuencia, se pasa a peneira, se non a pasa ou se pasa con recortes ou modificacións. En definitiva, se o TC quere, calquera órgano lexislativo incluído o Congreso dos Deputados, está nas súas mans e convertese na práctica nunca cámara lexislativa de última instancia.

Os membros do TC teñen que ser elixidos por unha maioría cualificada do Congreso dos Deputados o que na práctica tradúcese en que unicamente poden ser elixidos por un acordo de consenso entre PP-PSOE o que da un TC altamente politizado e con pouca pluralidade ideolóxica.

Así que, cando un dos dous partidos non quere chegar a un acordo consensuado por conveniencias de partido, os membros non poden ser renovados aínda que teñan o mandato vencido ou estean mortos como é o caso que se esta a dar actualmente.

Así estamos a vivir o esperpento dunha institución que ten máis poder lexislativo incluso que o órgano de máxima representación popular, manipulado en función dos intereses de dous partidos e que atende a recursos moitas veces presentados polos que non son capaces de gañar votacións nos órganos lexislativos. Así dáse o paradoxo de que un partido que perdeu as votacións no Congreso por carecer de maioría, na aprobación do Estatut, en cambio gañounas no TC por que alí si ten maioría, logo de todo tipo de artimañas como a recusación de membros e impedimento de renovación de cargos.

O TC, coas competencias que se lle asignan, substitúe á vontade popular ao modificar ou anular as decisións tomadas polos máximos representantes da soberanía popular. Esta é unha verdade incontestable. Poderase discutir si é posible outro sistema ou non pero a realidade é esa. Polo tanto non se pode dicir que teñamos unha auténtica democracia.

Eu entendo que si, existe outra alternativa. Os xuíces están para aplicar as leis non para modificalas nin para lexislar, esta é unha competencia do lexislativo que ademais debe ser o órgano de última instancia por que está composto por representantes elixidos polos cidadáns. Isto, visto así, si é democracia.

Para comezar o TC non debería chamarse tribunal por que, nas súas actuacións, non se produce ningún xuízo. Un xuízo precisa de unha denuncia e un denunciado. O TC recibe recursos, non denuncias, e non hai un banquiño de acusados por que non existe tal acusado. Tampouco se debería falar de sentencias posto que non se condena a ninguén. Polo tanto estase, penso que dun xeito deliberado, a utilizar unha terminoloxía que induce a confusión para poder xustificar que o TC poida emendarlle a plana ao lexislativo. Algo así como se se estivera a enxuiciar ao lexislativo. Unha auténtica aberración.

Entón se se pretende que haxa un órgano de garantías desígnese un consello de garantías independente, de profesionais especializados, cuxa misión sexa informar ao lexislativo da posible constitucionalidade ou inconstitucionalidade das leis aprobadas e, de darse un informe negativo, quedar o lexislativo obrigado a debater novamente a lei en función de ese informe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario